23 abr 2020

FELIZ DÍA DO LIBRO



QUERIDAS FAMILAS
Cos ingredientes(as vosas palabras, imaxinación ,emocións...) que atopamos comezamos a cociñar e xa sabedes , foi un sen parar. Esperamos que vos guste este poema cociñado, que sen  as vosas palabras non dariamos creado.
Moitas grazas a todos e todas, preparádevos para degustar un poema sen igual.

POEMA COCIÑADO

"Comeza este poema
que sae do corazón
con todas as vosas palabras
tan cheíñas de amor

Un día máis estou morriñento
Todo isto me resulta moi cruento
e, aínda que preciso dun agarimo,
as miñas propias ganas reprimo.

Pola fiestra entraban
recendos frescos de papoula
e o seu aroma aloumiñaba
cada recanto do fogar

A felicidade parecía agochada
nunha noite sen luar
máis a resistencia do toxo
nunca a ía doblegar.

Na casa, faltaba o sono .
A fragancia transportounos
a unha infinda pradaría
ateigada de flores.

Co perfume chegou a esperanza,
a ledicia, a solidaridade
que transformada en agasallo
inundou aquel  lar de liberdade

Nestes momentos de solidaridade
no que todos temos moita forza
acordámonos desas amizades
con gran felicidade

As ás da bolboreta
aínda que enferruxadas
non deixan de agochar
a forza do bico esperado.

E o corazón latexa
cal cabalo desbocado
á espera de dar apertas
como agasallos desexados

Nunha noite de luar
can ouveou,
rinchou o cabalo,
a aguia chiou,
miañou o gato,
a avéspora zoou.

E a bolboreta?
Espertou
Era un pouco toxo,
Falou.
-Eu non!
E marchou.

Cada momento que estás aí
como un cabalo me fas sentir.
Neste intre de escuridade,
busco esperanzas de liberdade.
non teñas medo, estamos aquí.
bicos e apertas esperan por ti.

Non fago por gusto este esforzo voraz,
senón polo meu anhelo de saúde e paz.
Oxalá puidera brincar ata a abrótea
ou botar a voar coma unha gaivota.

Non perdades a esperanza,
pronto poderedes dar,
todos eses bicos e apertas
a todas as vosas amizades.

Non, todos temos a esperanza
de volver a aloumiñar
a esas persoas tan riquiñas
que nos están a esperar

Persoas como os irmáns e os curmáns
que igual que o toxo  segue amarelo  e
o amorodo  segue  vermello
eles por nós esperarán

Que agasallo tan apreciado
neste tempo anhelado
estamos a esperar
como  un prato de patacas
a liberdade chegará


Resistirei como o enxebre
Cando o reloxo nos deixe
sairemos en patinete
E deixaremos a saudade
chegará a liberdade.
Eu serei moi feliz de estar con vós aquí"

Moitas grazas tamén a todos os mestres e mestras (os meus axudantes), que o fixeron posible.







2 abr 2020

DÍA MUNDIAL DE CONCIENCIACIÓN DO AUTISMO


Hoxe , 2 de abril tamén celebramos O DÍA MUNDIAL DE CONCIENCIACIÓN SOBRE O AUTISMO, e eu (son CARBI) pensei en compartir con vós esta historia que rebuscando polas bibliotecas e falando cos meus amigos e amigas de todo o mundo atopei nun blog SOÑANDO CUENTOS. Esta é a historia:

...Sara é así. Quédase inmóbil durante horas
sen falar, sen oír, sen mirar, sen xogar con ninguén.
Sara viaxa e vaga nos seus pensamentos,
non se sabe como nin por donde.
Vive no interior do seu mundo , en soidade...

Este párrafo pertence ao libro "Fálame" da editorial Kalandraka. O seu autor é Marco Berrettoni e a ilustradora é Chiara Carrier.

Participa dende a casa no concurso : Un poema na túa voz.

Por mor das circunstancias excepcionais que estamos a vivir, estes días temos pechadas as bibliotecas escolares, as bibliotecas públicas e as librerías.
Neste momento no que os nenos e nenas están nas casas coa súa familia, nós animámosvos a ler con eles poesía galega, que sexan os rapaces e rapazas as que vola lean e a que gravedes as súas lecturas.
Aproveitemos este tempo para ler poesía en galego en familia e, se queredes, participar no concurso de GÁLIX: "Un poema na túa voz", pois variamos as bases de maneira que ademais participar a través as bibliotecas escolares e públicas ou as librarías, tamén se poida facer a través das familias.
Velaquí a nosa proposta para pasar unha corentena en familia:
e tendes entre 6 e 14 anos podedes participar no concurso.
Escollede un poema tradicional ou de autor.
Gravádeo cun móbil ou no ordenador (a familia, se quere, pode facervos os efectos de son).
Mandade o arquivo a galix@galix.org
Lembrade poñer os datos do poema!!
Título.
Autoría; ou tradicional, popular, se non ten autora ou autor coñecido.
Libro de poemas ao que pertence, se fora o caso.
Editorial, se está publicado.
Datos da(s) persoa(s) lectora(s).
Nome e apelidos:
Ano de nacemento:
Curso escolar:
IMPORTANTE!!!
Se concursades desde a casa poñede os datos da familia.
Nome e apelidos dunha persoa adulta responsable
Enderezo.
Teléfono.
Correo electrónico de contacto.

Acceso ás bases modificadas:
Bases
Ficha de datos
Modelo de autorización
ANIMÁDEVOS!!!

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL


Conmemoramos cada 2 de abril, aniversario do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, o Día Internacional do Libro Infantil (DILI).

Con esta celebración o IBBY pretende promocionar a boa literatura infantil e xuvenil. Cada ano encoméndase a unha sección nacional a selección das persoas relevantes no seu país que, no campo da escrita e da ilustración, realizarán o cartel e a mensaxe que se traducirá a todas as linguas presentes na organización e se difundirá a nivel internacional.
Este ano 2020 corespóndelle á sección de Eslovenia representar ao IBBY a través do texto de Peter Svetina e o cartel de Damijan Stepancic.
GÁLIX, como sección da OEPLI, ocúpase da tradución ao galego e da súa difusión en Galicia.
Co obxecto de promocionar os bos libros e a lectura entre os máis novos, a OEPLI e as súas seccións (GÁLIX, ClijCat, Galtzagorri, Consejo General del Libro Infantil y Juvenil) anima ás bibliotecas, públicas e escolares, librerías e institucións á celebrar este día con actividades de promoción da lectura coa súa adhesión á celebración mediante inscrición electrónica a través da web da OEPLI (www.oepli.org).

1 abr 2020

MES DO LIBRO NO CARBALLAL

Bo día marabillosos lectores e lectoras,este mes de abril, nós no Carballal, llo temos pensado dedicar ao LIBRO e para comezar coa celebración pensamos esta proposta:
Animádesvos a contarnos un conto, a lernos un libro ou unha parte del, a recitarnos unha poesía.
A idea é que se vos apetece contar, ler ou recitar, vos poden gravar e podedes mandalo ao correo de Carbi, bibliocarbicarballal@gmail.com.

Esta proposta é para toda a comunidade educativa, para as nenas e nenos, para as avoas e avós, para as mamás e papás, para os irmáns, para os tíos..., para as mestras e mestres,...

Que gañas temos de escoitar os vosos contos, libros , poesías...!!!! Ánimo!

23 feb 2020

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO.

     No Carballal levamos un mes traballando arredor da figura de Rosalía de Castro
     Somerxéndonos na vida e na obra desta escritora transgresora, librepensadora e universal.
Maña 24 de febreiro cúmprense 183 anos do nacemento desta muller que tanto fixo pola lingua e literatura galega. Rosalía, a nosa, de Catro.



17 feb 2020

21DE FEBREIRO. DÍA DA LINGUA MATERNA.

QUE É A LINGUA MATERNA?
A lingua materna é aquela na que os nenos/as  aprenden a falar e a relacionarse coa súa contorna máis próxima.
O Día Internacional da Lingua Materna estableceuse para sensibilizar acerca da importancia dos idiomas e da función vital que desempeñan no desenvolvemento, ao garantir a diversidade e o diálogo intercultural, así como o fortalecemento da cooperación e a consecución da educación de calidade para todos, a construción de sociedades do coñecemento integradoras e a preservación do patrimonio cultural.
CAL É O TEMA DESTE ANO?
 Cada ano, a UNESCO escolle un tema arredor do que xira a conmemoración do Día Internacional da Lingua Materna. Neste 2020, quere lembrar o valor dos idiomas que son á vez locais e transfronteirizos -como o quechua, que se fala en diferentes países de América Latina- para promover o diálogo pacífico e axudar a promover o patrimonio cultural dos pobos que os falan. Tamén o galego é, dalgunha maneira, unha lingua transfronteiriza, na medida en que serve como ponte con Portugal e, en xeral, coa lusofonía.
Texto recollido do PORTAL DA LINGUA GALEGA.

Dende o colexio,  queremos festexar a diversidade de linguas maternas que hai no centro. Para elo queremos facer unha homenaxe as familias que compoñen a nosa comunidade educativa facendo un mural coas súas fotografías. Por iso, pedimos que nos enviedes unha fotografía da vosa familia e que escribades debaixo a vosa lingua materna. 



15 feb 2020

O MERDEIRO, O NOSO ENTROIDO, A NOSA TRADICIÓN.



O merdeiro é un personaxe do entroido vigués de caracter popular.
Esta figura interprétase coma unha eterna rivalidade entre mariñeiros e labregos, entre a loita cotiá co mar e a tranquilidade do agro.
Durante o  Entroido, os mariñeiros transformábanse en merdeiros con a intención de expresar, con máis forza, as súas animosidades cos do agro. Acostumaban a vestirse ridiculizando aqueles elementos do traxe e aparellos de faena máis representativos e esaxerando o seu comportamento ante a sociedade. O merdeiro acostuma a vagar de xeito improvisado polas rúas da Zona Vella, corre, chota e berra asustando á xente coa vara e pronunciando verbas e frases malsonantes.
Texto recollido da web http://www.omerdeiro.org/






 Neste enlace tedes recursos para traballar o Entroido. 





10 feb 2020

Semana da ILUSTRACIÓN


O Día da Ilustración celébrase desde 2014 cada 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Ademais de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado un ilustrador histórico galego. O protagonista deste ano é Cándido Fernández Mazas.
O Día da Ilustración é unha iniciativa da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración.
No Colexio debido ao mal tempo tivemos que aprazar o acto que íamos celebrar na pista deportiva cuberta, e que consistiría na realización dun grande mural alusivo á paz que as nenas e nenos ilustrarían de maneira totalemente libre, pois coincide no mesmo día coa celebración do día mundial escolar da non violencia e a paz.
Por este motivo cada ciclo estivo realizando durante a semana seguinte de maneira libre a ilustración de diversos murais con diferente temática que decorarían máis tarde algúns dos espacios exteriores cubertos. Aproveitaremos a mellora do tempo para que na xornada de portas abertas do centro que celebramos o día 18 de febreiro xa todos estean colocados.

12 dic 2019

Semana da Ciencia en Galego na Biblioteca

Do 25 ao 29  de novembro celebramos a «Semana da Ciencia en Galego na Biblioteca», para participar da celebración do mes da ciencia en galego nas bibliotecas que se celebra nese mes tódolos anos para levar a cabo unha maior difusión dos valores científicos e do acceso ao coñecemento.

9 dic 2019

Semana de Tradición Oral_2019


Este curso celebramos a semana de Tradición Oral os días 6, 7 e 8 de Novembro coa actividade do "Teléfono Avariado", empregando os refrán e ditos polulares recompilados polo alumnado e as familias. Esperamos que vos guste e disfrutedes do video igual que todos nós disfrutamos da actividade.